A Fundación Heracles e o Rio Natura Monbus Obradoiro puxeron en uso o convenio que os une creando a figura de Amigo da Fundación Heracles, pola que unha doazón á organización para fomentar a práctica deportiva entre nenos e mozos se converterá en diferentes vantaxes relativas ao club.
José Luis Mateo, director xeral do club, recalcou a importancia desta figura, xa que o club ten "1200 abonados non accionistas e 1305 abonados e accionistas que esta tempada xa non puideron gozar do desconto de accionista; ao resto o devandito desconto véncelles na tempada 2015/16, e isto motivounos a facer unha reflexión". Por iso considera que "hoxe é un día importante para o club porque podemos dar un paso no dobre obxectivo estratéxico de manter e incrementar a nosa masa de abonados e, á vez, mellorar os medios das nosas categorías base", adiantou.
Rafael Silva, patrón da Fundación, explicou en que consiste esta nova figura: "calquera persoa ou empresa pode apoiar esta iniciativa dun xeito moi simple: doando un mínimo de 130 euros á Fundación Heracles obteranse uns beneficios no Rio Natura Monbus Obradoiro. O máis importante, un desconto total de 150 euros no teu abono repartido en tres anos por cada achega de 130, polo que o retorno xa é maior á doazón. Este desconto de 50 euros por tempada é ademais, acumulable a calquera outro desconto ao que teña dereito o abonado e vai ligado á non suba do prezo do abono da que durante os próximos tres anos gozará este colectivo de Amigos da Fundación Heracles".
Ler máis