GK Creativity - шаблон joomla Скрипты

A Fundación Heracles e o Rio Natura Monbus Obradoiro puxeron en uso o convenio que os une creando a figura de Amigo da Fundación Heracles, pola que unha doazón á organización para fomentar a práctica deportiva entre nenos e mozos se converterá en diferentes vantaxes relativas ao club.

José Luis Mateo, director xeral do club, recalcou a importancia desta figura, xa que o club ten "1200 abonados non accionistas e 1305 abonados e accionistas que esta tempada xa non puideron gozar do desconto de accionista; ao resto o devandito desconto véncelles na tempada 2015/16, e isto motivounos a facer unha reflexión". Por iso considera que "hoxe é un día importante para o club porque podemos dar un paso no dobre obxectivo estratéxico de manter e incrementar a nosa masa de abonados e, á vez, mellorar os medios das nosas categorías base", adiantou.

Rafael Silva, patrón da Fundación, explicou en que consiste esta nova figura: "calquera persoa ou empresa pode apoiar esta iniciativa dun xeito moi simple: doando un mínimo de 130 euros á Fundación Heracles obteranse uns beneficios no Rio Natura Monbus Obradoiro. O máis importante, un desconto total de 150 euros no teu abono repartido en tres anos por cada achega de 130, polo que o retorno xa é maior á doazón. Este desconto de 50 euros por tempada é ademais, acumulable a calquera outro desconto ao que teña dereito o abonado e vai ligado á non suba do prezo do abono da que durante os próximos tres anos gozará este colectivo de Amigos da Fundación Heracles".

Outro dos puntos clave desta doazón é a dedución no IRPF do 27.5% do doado no caso de persoas físicas, e do 35% no Imposto de Sociedades en caso das empresas. Esta dedución aparecerá directamente no borrador da renda grazas ao Certificado de Doazón que emite a Fundación e fai que o aforro real sexa aínda maior.

Tamén se inclúen outra serie de vantaxes, como a situación de preferencia á hora de adquirir abonos da Copa do Rei 2016 de A Coruña ou o transporte gratuíto a esta dende Santiago de Compostela. Ademais e para redondear o proxecto, a cada amigo entregaranse dous convites para un dos tres primeiros partidos de cada unha das tres próximas tempadas.

Moncho Fernández, técnico do Rio Natura Monbus Obradoiro deu importancia ao avance que esta fonte de ingresos na Fundación supoñerá para as categorías base do club, "un paso adiante na súa historia á hora de potenciar as categorías base". Engadiu a súa satisfacción porque "o Consello de Administración se decantase claramente por apostar e incluír medios económicos necesarios para iso. Agora só será cuestión de tempo e de máis traballo seguir avanzando para ir asentando este proxecto pouco a pouco".

O adestrador asegurou que será o primeiro en facerse Amigo da Fundación Heracles e anima a todos os afeccionados a facelo, "non só polas vantaxes económicas e fiscais, senón tamén por potenciar algo que pode ser precioso", concluíu.

O prazo para facerse Amigo da Fundación Heracles e obter o desconto na futura renovación de abono xa está aberto, ben nas oficinas do club ou na propia web da Fundación:www.fundacionheracles.org. En ambos os dous sitios pódese encontrar tamén máis información detallada, como a relativa á posibilidade de financiamento da doazón.