Actividades
Para alcanzar os seus obxectivos, a Fundación Heracles leva a cabo un programa de actividades anual que contribúe á formación e práctica do deporte na comunidade galega.
Durante este ano, a Fundación prepara dous campus infantís, columna vertebral deste programa, que xuntan máis dun centenar de participantes entre as edicións de verán e inverno. A edición de verán 2015, que se celebrará na comarca do Barbanza no mes de xuño, reunirá a nenos de entre 4 e 18 anos que poderán perfeccionar durante unha semana a súa técnica de xogo mentres se alimentan dos valores do baloncesto en días de convivencia intensiva con novos compañeiros. O campus tamén realizará edición de Nadal, unha etapa de parón ideal para os nenos que durante a tempada xogan competicións oficiais poidan convivir con novos compañeiros.
No programa de actividades da Fundación Heracles inclúese tamén o Clínic "Desmontando o adestrador axudante", xornadas de formación impartidas por técnicos de primeira liña do baloncesto internacional. Xestionada tamén mediante o Obradoiro CAB, a cita é imprescindible para multitude de adestradores galegos e nacionais en formación que aproveitan así para escoitar e falar cos mellores profesionais do ámbito.