GK Creativity - шаблон joomla Скрипты

Comezaba a segunda volta para os de Camilo Riveiro e visitaban ao líder da clasificación e invicto ata a data: o Compañía de María. Tras perder como local contra eles na primeira xornada de competición, e con varias baixas por lesión durante o mes de decembro, o equipo chegaba con todos os seus xogadores a disposición para disputar este importante encontro.

O partido comezaba con bo ritmo e os do Cenor - Obradoiro CAB empezaban a sacar unha pequena vantaxe no marcador a base de boas transicións ofensivas, pero cargábase de faltas e concedía moitos tiros libres para os locais, chegando ao final do primeiro cuarto cun 12-17 no marcador.

O segundo cuarto foi comandado claramente polo Compañía de María, con canastras a través de ataques rápidos e aproveitando as visitas á liña de tiros libres. Un parcial de 18-10 para os locais neste cuarto fixo que se chegara ao descanso cun axustado 30-27.

No terceiro cuarto, o Obradoiro saíu con máis carácter e decisión á hora de atacar a canastra, dominando claramente os rebotes e sendo determinantes preto do aro rival para realizar un parcial de cuarto de 14-25 que os deixaba cunha vantaxe de oito puntos a falta de disputar os últimos dez minutos.

No último tempo, os visitantes mantiveron o alto ritmo de xogo, conseguindo boas opcións de tiro e atacando a canastra con determinación, para un último parcial de 12-15 que deixaba o marcador final en 56-67.

Vitoria moi importante no anímico e psicolóxico para os do Obra, que deixa moi boas sensacións para encarar a segunda volta e tramo final de liga, a pesar de non poder salvar o basket average.

O próximo fin de semana reciben ao CB Santa Baia de Boiro, o sábado 21 ás 16:00 horas no Pavillón Lorenzo de La torre.