GK Creativity - шаблон joomla Скрипты

O Cenor-Obradoiro CAB xogábase a clasificación a cuartos como visitantes contra o difícil e oficioso equipo Marín Peixegalego. Os obradoiristas souberon dar a cara en todo o encontro pero finalmente acabou en derrota para os composteláns por 66 a 57.

O partido comezou con moito ritmo, moitísima intensidade defensiva e boas transicións ofensivas por parte dos dous equipos, para rematar o primeiro cuarto cun axustado 17-15. No segundo cuarto, baixou a tensión e as xogadas foron máis erráticas, cunha loita polo rebote sen descanso. Neste aspecto notouse a experiencia en torneos de alto nivel do equipo local, que conseguía levarse moitos máis rebotes en ataque, convertíndoos en canastas e obrigaba aos composteláns a seguir remando moi firmemente para seguir no partido. Os obradoiristas conseguiron correr contraataques e visitar a liña de tiros libres en numerosas ocasións e chegaron ao descanso cunha pequena vantaxe para o Peixegalego de sete puntos (36-29).

O terceiro cuarto do encontro continuou sendo moi disputado coas defensas impóndose aos ataques, e os do Obradoiro lograban controlar os rebotes no seu taboleiro, mellorar o ritmo en ataque e axustar a renta a catro puntos (49-59). Esta reacción continuou no último cuarto ata chegar a empatar o partido a 51 puntos e cunha ocasión clara de un contra certo para porse por diante no marcador, pero a pelota bailou e saiu do aro.

Tras un tempo morto do equipo local, plantexáronse situacións defensivas zonais e de 2x1 ao balón, forzando erros no pase do equipo compostelán para roubar balóns, correr contraataques e volver a abrir unha brecha que chegaba coa desafortunada lesión de Cibrán que marcou ao equipo, que finalmente caiu derrotado por 66-57.

Trátase dunha derrota que deixa un gran sabor de boca tendo en conta a evolución e carácter que demostrou que pode ter este equipo pero anima a ser optimistas de cara a esta tempada, que acaba de comezar.