A Escola de Baloncesto Obradoiro Silleda xa conta con máis dunha trintena de inscritos

Este proxecto naceu por mor da unión, unha vez máis, do Monbus Obradoiro e a Fundación Heracles co Concello de Silleda, dentro do convenio de colaboración que existe entre ambas entidades e o concello co que o equipo EBA do Obradoiro xoga os seus partidos como locais no pavillón César González Fares de Silleda.
Ata o momento desenvolvéronse tres adestramentos, os sábados deste mes de abril, entre as 11:00 e as 12:15. Así se manterá ata final de curso para, a próxima tempada, ampliar a varios adestramentos semanais. A Escola Obradoiro Silleda está dirixida actualmente por Javier Cal e Iago Rey, adestradores da canteira do Obradoiro CAB, e Pablo Cerdeira, adestrador de Silleda.
Esta Escola nace co obxectivo de promover o baloncesto entre os nenos e nenas do Concello e así se deu a coñecer coas visitas a colexios co xogador do primeiro equipo, Jordan Bachynski, e o xogador do equipo EBA, Alberto Díaz, quenes falaron das súas experiencias e todo o que lles achega practicar este deporte.
As inscricións para a Escola de Baloncesto Obradoiro Silleda continúan abertas e calquera neno ou nena do Concello de Silleda pode inscribirse contactando coa Concellería de Turismo, Emprego, Deportes e Persoal, xestionada por Ana Luisa González, do Concello de Silleda.
Os veciños do municipio asistirán ao encontro do próximo sábado, 5 de maio, ás 19:00 horas, que enfrontará ao Monbus Obradoiro ante o RETAbet Bilbao Basket, para vivir a experiencia e animar ao equipo para conseguir a vitoria.