GK Creativity - шаблон joomla Скрипты

Continúan as xornadas de portas abertas nos adestramentos das categorías base ata o 16 de xuño

Esta pasada fin de semana púxose punto e final á tempada oficial dos equipos Minibasket e Preminibasket do Obradoiro CAB, coa participación do Mini azul no Memorial Lorenzo da Torre, nun torneo no que derrotaron nun encontro amigable ao Compañía de María.

A andaina dos equipos de Minibasket comezou a finais do mes de agosto, nunha pretemporada na que se formaron dous equipos e comezouse a traballar aspectos de técnica individual e educación deportiva. Estes dous equipos, que adestraron ao longo do ano no pavillón do Restollal dous días á semana, foron axudados polos xogadores do equipo Premini.

Nestas primeiras etapas de formación non todo é a competición. Aos equipos mini e premini do Obradoiro hai que sumarlles a creación, por primeira vez, dun equipo Babybasket (nenos de entre seis e oito anos) que tiveron o seu primeiro contacto co baloncesto. Estes catro equipos puideron gozar das visitas de varios xogadores do equipo ACB aos seus adestramentos, de asistir aos encontros do primeiro equipo, de participar en torneos e, sobre todo, de aprender e rir cos seus compañeiros de equipo nunha gran tempada.

Aínda que as competicións rematasen, as categorías inferiores do Obradoiro CAB continuarán adestrando ata as últimas semanas de xuño nun período de adestramentos de "Portas Abertas" nos que calquera neno pode ir probar e adestrar sen compromiso cos equipos das diferentes categorías. No caso dos equipos Minibasket, Preminibasket e Babybasket os horarios son os martes e xoves, de 17:30 a 19:00 horas, no Pavillón de Restollal.