GK Creativity - шаблон joomla Скрипты

O Rio Natura Monbus Obradoiro e a Fundación Heracles traballan xa na terceira edición do Clínic "Desmontando o adestrador axudante", que se celebrará o 11 e o 12 de xullo, en Santiago de Compostela, co patrocinio de Unika. Entre os convidados, que se irán desvelando pouco a pouco, estará Jenaro Díaz, adestrador axudante do Khimki B.C, que vén de conseguir o título de Eurocup ante o Herbalife Gran Canaria.

Díaz centrará a súa intervención na utilización do scouting Inmediato, aplicándoo ao seu uso en competicións onde non hai moito tempo de marxe entre cada partidos.

 

- Parabéns. Vén de gañar onte a súa terceira Eurocup, un título máis na súa longa carreira profesional. Cal é a receita dese éxito?

-Si, é a terceira Eurocup e é unha sensación que gozo máis aínda que a primeira vez, a felicidade é o camiño. Receitas? Gozar do que fas, ser ti mesmo ou ir no camiño de encontrarte, traballar con paixón, ser humilde axudando a todo o mundo sen esperar nada a cambio e agradecido con todos os que che axudaron a estar onde estás.

- Cóntenos brevemente de que versará a súa intervención no III Clínic "Desmontando o adestrador axudante".

- "Xogar co scouting inmediato". Trata de moitos pequenos detalles que se poden aplicar en todas as categorías, intentando maximizar o pouco tempo dispoñible en competicións onde hai partidos seguidos como Copa do Rei, Playoff, Seleccións... a idea é evolucionar o concepto de adestrador axudante que impón ideas crendo que "axuda" cara a un adestrador axudante que acompaña ao xogador e ao equipo no seu crecemento. Son dúas horas de charla, así que serán 24 detalles, se é que nos dá tempo a todos...

- Vostede foi pioneiro en España no uso da edición de vídeo para o scouting, incluirá a súa intervención algo relativo a iso?

- É unha ferramenta moi válida, pero a que se lle dá un uso indebido. Tratarei un punto destes detalles para darlle un uso positivo e que nos axude a estar máis focalizados.

- Que supón para alguén con tanta experiencia coma vostede estar neste Clínic destinado a adestradores, na súa maioría, en formación?

- Primeiro unha alegría que un club que move tanta paixón polo baloncesto, cun adestrador como Moncho e os seus axudantes, cunha paixón tremenda, se acorde de min é para estar agradecido e implicarme ao 100%. A formación é o máis importante. Un sempre se está a formar, entender ese crecemento é moi importante, respectar a progresión do xogador, adestrar co corazón... Son un amante do baloncesto de base porque é o máis puro, intentarei ir a Cambados a ver o campionato de España Infantil, tamén, por exemplo.

- É un dos poucos clínics existentes destinado a adestradores axudantes e non adestradores xefe. Que lle parece esta diferenciación?

- Paréceme moi ben. O adestrador axudante ponse ao servizo dos demais. Son bos estes eventos onde se reúnen tantos adestradores, é o foro ideal para compartir ideas dende o corazón, esquecéndosenos xulgar e opinar. Intentarei enriquecerme eu tamén coas experiencias e participación dos que acudan ao Clínic. DicíaEduardo Galeano "que á fin e ao cabo somos o que facemos para cambiar o que somos".

Tagged under: clinic