O Obradoiro Silleda estréase na súa pista con vitoria ante o C.B. Culleredo (70-61)
O pasado sábado o pavillón César González Farés de Silleda acolleu o primeiro partido como local do equipo EBA do Obradoiro ante o CB Culleredo, e fíxoo cunha fantástica entrada e unha importante vitoria para o equipo local.
O primeiro tempo estivo marcado pola igualdade entre os dous equipos, no que a pesar dos intentos do Culleredo por levar a iniciativa do choque, a gran intensidade defensiva dos xogadores do Obradoiro Silleda permitíulles manterse no choque en todo momento, chegando ao descanso cun empate a 36.
Xa na segunda parte, o partido entrou nuns minutos de máximo desacerto e, tras un tempo sen apenas moverse o marcador, os de Culleredo conseguiron desconcertar aos locais grazas a unha zona 2-3. Con todo, despois dun tempo morto, o Obradoiro Silleda empezou a elevar o seu nivel defensivo, atopando máis situacións de contraataque, co que conseguiu dar de novo a volta ao marcador. Desde este momento, os locais controlaron o ritmo do partido e alcanzaron unha vantaxe de dez puntos que xa non abandonarían ata o final do encontro.
Gran debut do Obradoiro Silleda no seu campo nunha xornada de festa en Silleda, na que, a pesar das lesións e baixas puideron inaugurar a súa tempada como locais cunha importante vitoria.
Na próxima xornada o equipo visitará a un dos favoritos da categoría, o Residencia As Aciñeiras Cidade de Ponferrada, o vindeiro domingo ás 19:00 horas.
Foto: Pablo Abal