O Obradoiro – Silleda debuta na liga EBA con vitoria en Ourense (56-59)
Despois dunha longa preparación para este debut en Liga EBA o equipo de Oriol Junyent presentábase no Pazo Paco Paz de Ourense co obxectivo de competir ao máximo neste estreo de Liga e lograr volver ca primeira vitoria.
O encontro arrancaba cun ritmo alto por parte dos dous equipos, cun ordenado Rio Ourense Termal “B” que atopaba en cada posesión boas opcións de lanzamento. Pese a iso, os obradoiristas, a través de velocidade no seu xogo e do control do rebote, lograron manterse no encontro en todo momento, chegando ao descanso cun igualado 29-27 no electrónico.
Tras o paso polos vestiarios, e cos nervios do debut esquecidos, o Obradoiro-Silleda foi pouco a pouco controlando o ritmo do partido. Seguían dominando o rebote pero, nesta ocasión, foron capaces de controlar por momentos o número de perdas de balón o que fixo mellorar a súa produción ofensiva.
A vantaxe ao seu favor chegaba no inicio do último cuarto ata os catorce puntos pero un último arreón local e as continuas precipitacións e perdas de balón dos visitantes fixeron que os ourensáns tiveran unha última oportunidade para darlle a volta ao encontro.
Finalmente, e pese aos nervios do estreo, o Obradoiro-Silleda estreouse con vitoria na Liga EBA por un igualado 56-59 e pon a súa mirada na próxima semana de adestramentos, na que tratarán de recuperar a xogadores con molestias para afrontar a segunda xornada coa máxima ambición.