O Obradoiro Peleteiro firma un gran encontro no seu campo fronte o Basket Xiria (112-40)
O Obradoiro Peleteiro arrancou a competición neste 2018 con ganas de seguir na boa liña de traballo do inicio da liga, e deron mostra dende o primeiro minuto de partido. Un gran ritmo defensivo, unido a un xogo moi coral en ataque, fixo que as diferenzas se foran ampliando dende o primeiro cuarto.
Tras os primeiros dez minutos, no segundo cuarto reapareceu en partido oficial Sergio Furelos, que tras nove meses de recuperación volvía a pisar a pista e a disfrutar cos seus compañeiros.
Á volta de vestiarios, o Obradoiro Peleteiro seguiu traballando e encontrando cada vez mellores solucións para atacar a zona dos visitantes e, pese a baixa por lesión de Lolo por unha brecha na cabeza, conseguiron manter a concentración.
Nos últimos minutos, e pese as diferenzas no marcador, ambos equipos trataron de traballar ao máximo para afrontar os seguintes partidos de liga co mellor nivel competitivo posible.
Os parciais por cuartos foron: 27-11, 24-5, 36-11 e 25-13.
A próxima fin de semana, o Obradoiro Peleteiro disputará o último encontro da primeira volta visitando a pista do Instituto Rosalía, o sábado a partir das 12:00 horas, nun encontro no que esperan mostrar a súa mellor versión.