O Obradoiro CAB-Cenor cae ante o Peleteiro B no terceiro partido de Liga (42-68)
O Obradoiro CAB-Cenor estreouse nesta liga como local, no pavillón Lorenzo de la Torre de Santiago de Compostela, cunha derrota ante o Peleteiro B (42-68).
Esta vez os de David Arias saíron metidos no partido e non encaixaron un parcial avultado en contra nos primeiros minutos, como era costume nos partidos anteriores. Pero, a pesar do esforzo, atopáronse con dificultades ante a presión individual do equipo contrario, anotando soamente cinco puntos no primeiro cuarto (5-11).
No segundo cuarto continuaron cos problemas en ataque, aos que se sumou unha falta de concentración en defensa e acerto dende a liña de 3 puntos do rival, para abrir unha distancia xa insalvable no marcador de 17 puntos.
Tras o paso por vestiarios tentaron poñer en práctica por primeira vez na tempada unha defensa presionante que lles serviu para facer o seu mellor cuarto en canto a parcial anotador, a pesares de perdelo tamén (10-14). Finalmente o equipo, con xogadores con problemas de faltas e físicos no último cuarto, deixouse ir ata unha diferencia no marcador de 26 puntos que a priori será difícil de recuperar na segunda volta.
O máis positivo do partido é ver que certos aspectos que se traballan durante a semana, como neste caso foi a presión, dan os seus frutos. A pesar de que aínda non sexan decisivos no marcador, toca seguir traballando para conseguir que o sexan na próxima xornada.
A próxima xornada, o Obradoiro CAB – Cenor visitará Ribeira, nun encontro no que tratarán de seguir crecendo e sumar a súa segunda vitoria da tempada.