GK Creativity - шаблон joomla Скрипты

O pasado sábado, no pavillón municipal Lorenzo de la Torre, debutaba en Liga Galega o Cenor - Obradoiro CAB cadete tras o ascenso conseguido a pasada tempada, quedando campións da segunda división.

O partido comezou con ambos equipos buscando impoñer o seu ritmo de xogo, con defensas duras e agresivas sobre o xogador con balón onde, aos poucos, os visitantes atopaban vías de anotación no tiro exterior grazas ás vantaxes obtidas desde o un contra un exterior e a boa circulación de balón tras activar as axudas da defensa obradoirista.

Pola súa banda, os locais tentábano co tiro exterior en situacións de boa selección de tiro pero sen acerto e, cando atacaron o aro para forzar tiros máis próximos sacaron faltas pero non foron capaces de materializar desde a liña de tiros libres. Así chegábase ao descanso do partido cun marcador favorable aos de Lugo por 24 – 32.

Tras o descanso, os locais parecía que saían mais intensos a competir o partido pero os estudantís seguían acertados desde a distancia e mantíñanse con vantaxes no marcador ata unha diferenza máxima de 16 puntos.

Lonxe de perderlle a cara ao partido, os obradoiristas loitaron ata o final reducindo dita vantaxe ata chegar a poñerse a só 3 puntos con poucos segundos no electrónico, pero os lucences sentenciaron metendo 2 tiros libres para o 61-66 final.

Os parciais por cuartos foron: 12-16, 12-16, 13-15 e 19-24.

O próximo partido será contra Peleteiro, o sábado 21 de outubro, ás 12 horas no pavillón de Montouto.